Thursday 25 de April de 2024

A veciñanza de Aldemunde inaugurou a praza e o Centro Social coa primeira festa dende a pandemia


O alcalde, o concelleiro Luis Lamas e a concelleira Belén Lendoiro achegáronse para participar na celebración, que reuniu a máis de 150 persoas

O 11 de xuño foi día de festa en Aldemunde, pero nesta ocasión non foi para honrar á patroa, senón para celebrar que por fin, despois de dous anos de espera, a veciñanza pode desfrutar do seu renovado campo da festa, un espazo que responde ás peticións realizadas pola veciñanza a través do Consello Parroquial.

E, de feito, o acto comezou co agradecemento ao Concello de Carballo por parte da comisión de festas.
Máis de 150 persoas de dentro e fóra da parroquia participaron na celebración, na que se serviu un menú composto por empanada, pulpo e churrasco. O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse para acompañar á veciñanza nunha animada sesión vermú que contribuíu a abrir o apetito dos asistentes.

A parroquia de Aldemunde demandaba un espazo diáfano e accesible que permitise, sobre todo, a celebración das festas. O Concello de Carballo realizou un investimento próximo aos 100.000 euros que permitiu demoler os vellos muros exteriores, o palco da música, a beirarrúa perimetral e as escaleiras de acceso, ademais de diminuír a marcada pendente do terreo. Agora a veciñanza dispón dun amplo espazo chan, pavimentado, cun novo muro de peche con varandas de madeira e unha zona de xardín con árbores autóctonas.

Cando remataron as obras da praza, a finais do ano 2019, viuse a necesidade de realizar tamén unha intervención na vella escola para que quedase integrada na contorna. E, deste xeito, nos meses seguintes acometeuse un proxecto de reforma que incluíu a renovación do tellado e as ventás, o pintado exterior e outros traballos menores. O Centro Social de Aldemunde é a sede das reunións do Consello Parroquial, e o sábado tamén se converteu nunha sala de televisión para que os asistentes á festa non se perdesen o partido do Deportivo.